Monday 20 de May de 2024

A Comisión Europea concede unha mención honorífica ao SERGAS polos seus programas de innovación hospital 2050 e InnovaSaúde


O Servizo Galego de Saúde vén de recoller, en París, unha mención honorífica no marco dos premios The PublicProcurementofInnovation 2015, que concede a Comisión Europea en materia de innovación, e mediante o que se recoñecen as prácticas de contratación pública exitosas que se utilizan para a incorporación de produtos ou servizos innovadores máis eficaces e eficientes na administración pública, ao mesmo tempo que incentivan o desenvolvemento tecnolóxico e estimulan o emprego e o crecemento económico.

A Comisión Europea premiou a iniciativa pioneira a nivel internacional do Sergas mediante a que se realizou unha convocatoria aberta de solucións innovadoras no marco dos proxectos Hospital 2050 e Innova Saúde, e no que as empresas participaron no proceso de deseño do alcance funcional dos servizos e produtos contratados.

Co proxecto Hospital 2050 o Servizo Galego de Saúde pretende conseguir un hospital de futuro, seguro, sostible e eficiente; e con InnovaSaúde o obxectivo do departamento sanitario autonómico é acadar unha atención sanitaria centrada no paciente, segura, áxil e intelixente.

Ámbolos dous proxectos mobilizan un total de 90 millóns de euros (45 cada un), financiados mediante fondos FEDER, a través de senllos convenios establecidos entre o Sergas e o Ministerio de Economía e Competitividade. Os modelos de compra pública innovadora foron aplicados en 33 procesos de contratación abertos por valor de 27,5 millóns de euros durante o período 2012-2015.